CINEPOEMAS, de Claudio Rodríguez Fer, en edición especial para a XLIII SEMANA DE CINE DE LUGO
16/09/2021

CINEPOEMAS, de Claudio Rodríguez Fer, en edición especial para a XLIII SEMANA DE CINE DE LUGO

Este mércores, como un dos actos previos ao comezo da XLIII Semana de Cine de Lugo, que organiza o Grupo Fonmiñá, foi presentada a edición especial de CINEPOEMAS, de Claudio Rodríguez Fer.

Cinepoemas publicouse inicialmente no ano 1973 por Edicións Xerais de Galicia, como un paseo poético pola historia do cine dende Charlot a Woody Allen, como unha revisión dos mitos da sétima arte dende Frankenstein a Marilyn Monroe.
Posta ao día polo autor, a editorial Ouvirmos publicou unha nova edición en 2016, que na actualidade se encontra esgotada. Esa edición contou cun especial deseño gráfico de Cristina Fiaño, harmonizando as imaxes cos poemas, e dando unha nova dimensión ao libro.

Por xentileza de Ouvirmos, Fonmiñá puido efectuar sobre este orixinal de Rodríguez Fer-Fiaño unha edición especial non comercial, que vai ser entregada gratuitamente aos interesados nas institucións co-patrocinadoras da Semana -Xunta de Galicia, Deputación, Concello de Lugo e Universidade/Campus de Lugo- así como tamén na Biblioteca Pública Provincial de Lugo (Avenida de Ramón Ferreiro), que colocará no exterior da institución unha mesa con exemplares para que os interesados poidan retiralos.

A presentación efectuouse ao aire libre, diante da Casa do Concello, e nela tomaron parte representantes das institucións que apoian a Semana: Tareixa Ferreiro, Concelleira de Cultura e Vicepresidenta da Deputación Provincial; Paloma Vázquez, Xefa Provincial de Turismo da Xunta de Galicia, e Jesús Varela Zapata, Vicerreitor da Universidade de Compostela/Campus de Lugo. E, ademais de Claudio Rodríguez Fer, polo grupo Fonmiñá participaron o responsable de cine, Manuel Curiel Fernández, director da Semana de Cine; Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de Fotografía, e Xulio Xiz, presidente.