Placas do Paseo do cine
21/10/2019

Placas do Paseo do cine

Nos arquivos adxuntos van as imaxes das dúas placas que se van descubrir en Lugo o próximo luns, con motivo do día inaugural da Semana de Cine, edición XLI.

Estas placas serven para marcar o comezo do que xa denominamos PASEO DO CINE que, polas instalacións da antiga Factoría Frigsa, vai desde a Avenida de A Coruña cara ao Auditorio municipal Gustavo Freire, Pazo do festival.

A primeira das placas a colocar corresponde á homenaxe que se lle efectúa nesta edición da Semana de cine ao gran actor lucense ANTONIO MOURELOS, que asistirá este día na capital lucense á presentación (17.00h.) no vestibulo do Auditorio Gustavo Freire do libro que sobre el escribiu MANUEL CURIEL, Director da Semana de Cine de Lugo.

Con posterioridade, arredor das 18.00h., descubrirase a placa na súa honra neste Paseo que desde agora lembrará de xeito permanente a lucenses e galegos grandes do cine galego, español e mundial.

Como queira que desde o ano 2004 a Semana de cine ven  homenaxeando a persoeiros/as da sétima arte, vaise procurar ir recuperando a memoria dos xa homenaxeados, e así por cada nova placa que se coloque das futuras homenaxes, engadirase unha das anteriores, polo que este ano, xunto coa de ANTONIO MOURELOS, se vai descubrir a placa correspondente a PRUDENCIA GRIFELL, a gran señora do cine mexicano, homenaxeada da Semana de Cine do ano 2004, que xa ten unha placa conmemorativa na casa da Ruanova onde naceu.

Placas do Paseo do cine