Presentadas tres novas figuras do Belén de Begonte na Semana de Cine de Lugo
23/09/2025

Presentadas tres novas figuras do Belén de Begonte na Semana de Cine de Lugo

Hoxe, martes, ás 16,00 horas, na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, comezaron as proxeccións de “O Nadal en setembro”, ciclo da Semana de Cine en homenaxe ao Belén de Begonte, polos seus 53 anos de existencia.

Antes do comezo das proxeccións, presentouse un panel coas tres incorporacións de novas figuras ao Belén, o próximo Nadal. Por parte da Xunta de Galicia participou Manuel Antonio Fernández Piñeiro, Director provincial de Cultura; e en representación Concello de Begonte, o Alcalde, José Ulla.

As tres novas figuras son a reprodución da Casa-Museo de Víctor Corral e unha noria para o Belén; e o conxunto “Belén dentro do Belén”, para o Museo do Belén. Asistiron o construtor da Noria, Ricardo Segundo López Méndez, e do conxunto do Belén, Ero Telmo Vázquez Cabrera.

Casa Museo de Víctor Corral - Obra de Chomin (Domingo López Rodríguez)

Domingo López Rodríguez, Chomin, vive en Lugo no barrio da Ponte. Funcionario da Deputación Provincial, ao xubilarse descubriu a súa mestría no traballo do corcho, e deu en facer magníficas reproducións dos monumentos máis importantes da provincia de Lugo.

Amigo do Belén, para o Belén fixo a reprodución da Casa-Museo de Víctor Corral, en Baamonde. Víctor, xenial escultor, fillo Predilecto do Concello de Begonte, deixounos fisicamente en decembro de 2021, sendo a súa Casa-Museo, ateigada de excepcionais obras, un legado que xa forma parte da historia cultural da Terra Chá.

Incorporar a reprodución da Casa-Museo de Víctor Corral ao Belén de Begonte é incorporar un elemento imprescindible na xeografía humana do Concello, e reflectir no Belén unha parte importante da cultura e da vida da Terra Chá.

Noria - Obra de Ricardo Segundo López Méndez, escultor e profesor

Ricardo Segundo López Méndez, lucense con fortes vencellos coa Terra Chá, fixo para o Belén unha noria movida por un cabalo, como representación dos traballos do rural nesta ou noutras terras, para obter o líquido esencial que, aínda abundando na nosa terra, en moitísimos lugares é un produto escaso e -coma entre nós- imprescindible para a vida.

É un traballo minucioso, que representa moitas horas de traballo, e transforma a monotonía do movemento dos canxilóns e o esforzo do cabalo tractor nun símbolo de vida no noso vital Belén.

O Belén dentro do Belén - Obra de Ero Telmo Vázquez Cabrera, de Trécola Producións

Molière, Cervantes ou Shakespeare utilizaron o teatro dentro do teatro, para forzar ou eliminar os límites entre a realidade e a ficción, para reforzar o impacto da mensaxe no público. Neste caso, este complexo de figuras ven ser “o belén dentro do belén”.

No interior, as escenas do Belén repítense incansablemente, mentres son contempladas por Varela, o creador e os irmáns Domínguez Guizán (José e Jesús) contemplan a representación da súa devoción e da súa obra.

As figuras incorporaranse ao Belén o próximo Nadal.