O periódico da Semana de Cine estase repartindo a todos os fogares de Lugo
10/09/2021

O periódico da Semana de Cine estase repartindo a todos os fogares de Lugo

Todos os fogares do concello de Lugo recibirán cadanseu exemplar do periódico da XLIII SEMANA DE CINE DE LUGO, editado por Fonmiñá para divulgar os contidos da Semana a todos os lucenses.

A través de dezaseis páxinas, este periódico recolle ampla información da Semana para que os lucenses teñan coñecemento do que vai ocorrer na capital con motivo da XLIII edición da Semana de Cine, corenta e dous anos despois de que Fonmiñá comezase a organizar a Semana en 1979.

Ábrese este periódico co cartel anunciador da Semana, obra da lucense Sabela Arias, que constitúe unha homenaxe a Luis Berlanga cando se cumpren os cen anos do nacemento do xenial cineasta, que é recibido de xeito entusiasta cun “Benvido a Lugo, Mr. Berlanga!”.

Recóllese información das 135 películas que van constituír, como se di no libro-programa, un auténtico “tsunami de cine que se abata sobre Lugo e nos deixe limpos de malos recordos”.

As proxeccións celebraranse no Auditorio Gustavo Freire (Pazo do Festival), onde se exhibirán as película das seccións INFANTIL, XOIAS DO ANO, CURTAMETRAXES e SECCIÓN OFICIAL; Deputación Provincial (CINE DE NACIONALIDADES e HOMENAXES); Vello Cárcere (CINE DOCUMENTAL, A OUTRA BEIRA e CINE E FOTOGRAFÍA); na Biblioteca Provincial, o ciclo E PARA COMER, LUGO, e no Vicerreitorado da Universidade, o ciclo AS CURTAS TAMÉN SON CINE. Haberá así mesmo, dentro do ciclo “Deixade que o cine…”,  proxeccións infantís para os usuarios de ASPNAIS e un Especial Concepción Arenal, en colaboración con Institucións Penitenciarias e a Asociación lucense Concepción Arenal.

O reparto dos 30.000 exemplares deste periódico, por parte da empresa Publinor, agárdase que estea rematado nas próximas horas. No caso que algunha zona quedara entón sen atender, sería completado na maña do próximo luns.