Comezo da XLVII SEMANA DE CINE DE LUGO
21/09/2025

Comezo da XLVII SEMANA DE CINE DE LUGO

Mañá, luns, comeza a XLVII SEMANA DE CINE DE LUGO. Ademais da programación cinematográfica, están previstas as seguintes accións especiais:

20,00. Deputación Provincial. Entrada libre. Presentación do libro MARÍA VAZQUEZ; DE MARÍA A MATRIA, de Manuel Curiel. Os asistentes recibirán cadanseu exemplar do libro. 
De seguido, MARCOS VARELA, director de A SOMBRA DO CASTIÑEIRO, presentará a súa ópera prima, protagonizada por María Vázquez. Nado en Madrid o 2001, Graduado en Cinematografía e Artes Audiovisuais na Escola TAI de Madrid, Marcos Varela elixiu para o seu traballo de Fin de Grado afondar nas raíces do seu avó na Ulloa lucense, que a Semana de Cine estrea dentro da homenaxe a María Vázquez.

22,00. Auditorio Gustavo Freire. Inauguración oficial da Semana de Cine, coa actuación da BANDA SONS E SOÑOS, Banda oficial da Semana, dirixida por Armando Morales. Interpretará anacos de Bandas sonoras de grandes películas.
Na presentación da Semana intervirá a regueifeira LUPE BLANCO (Coristanco, 1980). Pandereteira desde os sete anos, entrou no mundo da  'regueifa' lembrando ao seu bisavó Blanco de Muiñoseco, considerado o "padriño" da 'regueifa' en Bergantiños. Desde 2016 presenta unha 'regueifa' semanal en Radio Voz Bergantiños e  publica no dominical de La Voz de Galicia, edición Carballo. Deu diversos pregóns a xeito de regueifa, e colabora cos proxectos  'Regueifesta' e 'Enreguéifate' como formadora en talleres educativos e formou a primeira 'Escola de regueifa' no Concello de Carballo. En xaneiro conseguiu por terceiro ano consecutivo o primeiro dos “Premios Galegos da Regueifa", e está considerada a mellor regueifeira de Galicia pola conservación das tonadas características de Bergantiños.
De seguido, efectuarase a proxección da primeira película da sección Oficial da Semana.