Presentado o Cartel da XLVIII SEMANA DE CINE DE LUGO
No salón de sesións do Concello de Lugo, vén de ser presentado o deseño que servirá de base ao cartel anunciador da Semana de Cine de Lugo, na súa XLVIII edición, que se celebrará do 21 ao 26 de setembro do presente ano.
Obra do artista Diego As, nomeado repetidas veces o Mellor Muralista do mundo polas súas creacións, ofrece diversas imaxes de Norma Jeane Mortenson ou Norma Jeane Baker, que pasou á historia como Marilyn Monroe. Chama a atención a imaxe de Marilyn, cos ollos medio pechados, entre a Muralla romana e a catedral lucense.
Falecida o 4 de agosto de 1961, aos 36 anos, hoxe -1 de xuño de 2026- houbese cumprido cen anos, de aí a presentación do deseño para o cartel en data tan simbólica.
Na presentación participaron, ademais do autor do cartel que explicou a xénese da súa obra, a Alcaldesa, Elena Candia, polo Concello de Lugo, á que acompañaba o concelleiro Javier Vázquez; a deputada Iria Castro, pola Deputación Provincial; Manuel Antonio Fernández Piñeiro, director provincial de Cultura e Lingua, pola Xunta de Galicia; Ana Traseira, Directora en Lugo, pola UNED; e Ana Cabana, Vicerreitora de Cultura, pola USC. Por parte de Fonmiñá, os directivos Manuel Curiel, Eduardo R. Ochoa, José Manuel Guisasola, Antonio Giz e Xulio Xiz, que xustificou a elección desta data para a presentación do deseño que será o cartel anunciador da Semana.
O deseño preséntase 113 días antes do comezo da semana, precisamente pola data na que naceu a artista, e no momento en que empeza o visionado das 1.461 películas que teñen solicitado ser exhibidas na XLVIII edición da Semana de Cine de Lugo.
