O Concello de Lugo acolleu o acto de irmandamento entre a Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga
22/09/2026

O Concello de Lugo acolleu o acto de irmandamento entre a Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga

No acto participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; a concelleira de Facenda do Concello de Astorga, Laura Torralba García; o presidente do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil; o director do Festival de Cine de Astorga, Tomás Valle; Manuel Curiel, en representación da Semana de Cine de Lugo; José Luis González, membro do xurado; e Antonio Giz, secretario do Grupo Fonmiñá.

O encontro institucional comezou coa benvida da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, que deu paso á quenda de intervencións.

En primeiro lugar tomou a palabra Xulio Xiz Ramil, presidente do Grupo Fonmiñá, quen incidiu na capacidade do cine para reflectir a realidade que nos rodea e resumiu esta idea sinalando que “todo está no cine, por iso o cine ten que atender a todo o que acontece ao seu redor”. “Todo está no cine; descubrilo é cousa de todos, é cousa nosa”, engadiu.

A continuación interveu Tomás Valle, director do Festival de Cine de Astorga, quen definiu o cine como “un espazo de cultura, encontro e intercambio”, unha idea que está tamén detrás deste novo vínculo entre os festivais de Lugo e Astorga.

Seguidamente tomou a palabra Laura Torralba García, concelleira de Facenda do Concello de Astorga, que puxo en valor “a capacidade que teñen as nosas cidades para establecer novos vínculos” e destacou que “o cine mantén viva a cultura, achega territorios, crea complicidades e constrúe relacións duradeiras”.

Tras ela, Antonio Giz, secretario do Grupo Fonmiñá, realizou a lectura do protocolo de irmandamento, que posteriormente foi asinado para formalizar esta nova relación entre a Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga.

Pechou o acto a alcadesa, Elena Candia, amosando a súa satisfacción por este novo vínculo. “Éncheme de orgullo este irmandamento, que abre unha páxina de ouro na historia da Semana de Cine”, sinalou. “Hoxe celebramos o entendemento entre cidades que apostan pola cultura como un espazo de crecemento e oportunidades”, engadiu.

O irmandamento nace da vontade de compartir experiencias, crear novas vías de colaboración e avanzar conxuntamente no ámbito cinematográfico. A conexión vai ademais máis alá do cine e ten unha sólida base histórica: Lucus Augusti e Asturica Augusta estiveron comunicadas pola Vía XIX, que continuaba desde Lugo ata Bracara Augusta, a actual Braga.

Durante o encontro púxose en valor o carácter pioneiro desta colaboración, ao tratarse da primeira vez que ambos certames establecen unha relación destas características cun festival que desenvolve unha actividade semellante. A unión concíbese como un punto de partida, aberto a novas posibilidades de cooperación, intercambio de experiencias e iniciativas conxuntas.

Xa pola tarde a comitiva trasladouse ao Paseo do Cine, na antiga factoría de Frigsa, onde se descubriu unha placa que deixará constancia permanente do irmandamento entre a Semana de Cine de Lugo e o Festival de Cine de Astorga.

A xornada finalizou na explanada situada diante do edificio da Xunta de Galicia, onde tivo lugar un acto público coa participación das agrupacións de recreación histórica do Arde Lucus. As asociacións protagonizaron un desfile antes das intervencións institucionais e do inicio das proxeccións do ciclo “Unha de romanos”. 

O Festival de Cine de Astorga naceu en 1998 a partir dunha mostra de curtametraxes e vén de celebrar a súa 29ª edición. O certame recibiu este ano 640 curtametraxes, 40 delas procedentes de Portugal, primeiro país convidado da súa historia. Desde 2025 conta co recoñecemento da Academia de Cine como festival cualificador para os Premios Goya na categoría de curtametraxes.

O irmandamento terá continuidade o vindeiro 23 de outubro cunha segunda cita en Astorga, reforzando así o carácter recíproco dunha relación que nace coa vocación de perdurar e de abrir novas vías de colaboración entre os dous certames.

Durante a xornada, Elena Candia recordou tamén que “o Arde Lucus é unha gran película que Lugo roda cada ano para revivir a súa historia. Un patrimonio inmaterial que cobra vida grazas ao compromiso e ao traballo das asociacións de recreación histórica que o fan posible”.

Fonte: Concello de Lugo